EN BREVE A XUNTA DE GALICIA VAI PROCEDER A CONVOCAR AS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DAS COMPETENCIAS CLAVE DE NIVEL II E NIVEL III

As previsións son que as probas sexan convocadas na primeira quincena deste mes de febreiro e que se leven a cabo en maio.

É importante recordar que as competencias clave son básicas na actualidade para poder acceder á formación ocupacional xa que quen non teña a titulación mínima esixida polo certificado de profesionalidade ao que este vinculada a formación e en relación ao nivel correspondente (I, II e III) non poderá participar nestas accións formativas.

As Competencias Clave comprenden unha serie de contidos xerais de formación básica en  diferentes áreas de coñecemento que acreditan que a persoa ten os coñecementos mínimos necesarios para cursar os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 e 3 (os de nivel 1 non teñen este requisito de acceso).

Permiten ás persoas que carecen de formación regrada acceder á unha aprendizaxe continua, ao longo da súa vida, dirixida ao mundo laboral e adaptada aos cambios da sociedade.

As competencias clave baséanse nos ámbitos establecidos na Recomendación do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de novembro de 2006 (2006/962/CE), e no Marco Europeo de Referencia para as Linguas (no caso da competencia en linguas estranxeiras) e enténdense como unha ferramenta para promover a aprendizaxe permanente.

As competencias clave son: Lingua galega, Lingua castelá, Linguas estranxeiras, Matemáticas, Ciencia, Tecnoloxía e Dixital

Forma de acreditar as Competencias Clave

1. Acreditando posuír algunha das seguintes titulacións oficiais:

  • Título de ESO para o nivel 2 e Bacharelato para o nivel 3, ou equivalentes.
  • Certificado de profesionalidade do mesmo nivel
  • Certificado de profesionalidade de nivel inferior na mesma familia e área profesional
  • Para Lingua Galega, ter o título do Celga 3 para o nivel 2, e o Celga 4 para o nivel 3, ou equivalentes

2. Superando as Probas de Avaliación en Competencias Clave.

3. Realizando a formación específica en Competencias Clave.

Ao fío da convocatoria de competencias clave e interesante recordar as novidades na programación da formación dirixida a traballadores desempregados para 2014. Este ano a Consellería de Traballo e Benestar xa publicou as convocatorias das diferentes accións formativas dirixidas a desempregados. En concreto destacamos:

  • Formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual
  • Accións formativas con compromiso de contratación dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas
  • Accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas a través de convenios de colaboración
  • Accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. Vía ordinaria

Tamén salientar que as convocatorias para subvencións relacionadas coa posta en marcha de programas de orientación e de obradoiros de emprego están tamén xa publicadas.

  • Subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego en Galicia durante os anos 2014 e 2015
  • Subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia.