CENTRO DE RECURSOS PARA O EMPREGO: SIMULACIÓN E PREPARACIÓN DUN PROCESO DE SELECCIÓN NO #FOROIE2014

No próximo Foro da Intermediación e o Emprego, que se celebrará os días 24 e 25 de abril no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, desenvolverase unha actividade denominada Centro de Recursos para o Emprego, que terá como obxectivo coñecer as claves dun proceso de selección para poder afrontalo con maiores posibilidades de éxito. O próximo luns 21 de abril abrirase a posibilidade de inscrición a todas as persoas interesadas na web da Axencia Local de Colocación.

As persoas que se inscriban poderán participar na simulación práctica dun proceso de selección estructurado en sete pasos, que estará dirixido por expertos da Axencia Local de Colocación, e que contará coa participación de responsables de RRHH de diversas empresas, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e persoal técnico da empresa de desenvolvemento persoal Affines. As sete fases do Centro de Recursos para o Emprego serán as seguintes:

  1. Fotografía e imaxe persoal. As persoas participantes recibirán o asesoramento personalizado dunha experta en imaxe persoal e un fotógrafo, no que se refire á imaxe e á fotografía máis axeitada para o teu curriculum. Ademais realizarase unha breve sesión fotográfica para que as persoas participantes poidan obter a foto máis axeitada para o seu curriculum.
  2. Curriculum vite europeo. Neste paso as persoas participantes poderán trasladar os seus curriculums ao formato de curriculum vitae europeo (Europass), contando coa orientación axeitada para todas as dúbidas que poidan xurdir.
  3. Probas psicotécnicas. Estas probas poden presentarse nun proceso de selección en función do posto ao que optemos. O obxectivo é coñecer mellor as características das mesmas mediante unha simulación práctica que incluirá a realización de probas específicas habituais.
  4. Dinámicas de selección. Simulación práctica de dinámicas habituais en moitos procesos de selección para coñecelas e afrontalas con maior seguridade.
  5. Video-curriculum. Entre os diversos formatos de curriculums orixinais ou creativos atópase o do video-curriculum. Neste paso as persoas participantes poderán obter o seu propio video-curriculum.
  6. Entrevista de selección. Un dos aspectos que maior preocupación adoita suscitar nas persoas demandantes de emprego é o afrontamento de situacións como a  entrevista, que precisamente é o método de selección máis empregado. Coa realización desta paso o obxectivo é que as persoas participantes coñezan da forma máis próxima á realidade posible o proceso da entrevista. Para iso, realizaranse simulacións de entrevista e ofrecerase asesoramento personalizado para afrontalas con maior coñecemento e seguridade.
  7. Valoración individualizada do proceso. Finalmente, ofrecerase unha valoración global personalizada do proceso de selección simulado, con orientacións específicas para as dúbidas das persoas participantes.