MÁIS DE 35 ACTIVIDADES FORMATIVAS E PRESENTACIÓNS DE 15 EMPRESAS NO #FOROIE2013

O xoves 28 e venres 29 de novembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolleu o Foro da Intermediación Laboral e o Emprego.Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela.

Durante estas dúas xornadas, o Foro desenvolveu un amplo programa de actividades formativas, así como diversas sesións de encontros con empresas e a celebración de procesos de selección concertados pola Axencia Local de Colocación. A concelleira de Emprego, Reyes Leis, ofreceu os últimos datos do evento en rolda de prensa.

Máis de 35 actividades gratuítas integran a oferta formativa do FIE. Entre as numerosas propostas hai obradoiros de "Emprego 2.0 - Redes Sociais" (Twitter, Facebook, Blogs e Linkedin), cursos de carretilleiro, coctelería ou primeiros auxilios (básico, infantil e xeriatría) e seminarios como "A FLC e a normativa, acreditación e formación homologada en Prevención de Riscos Laborais xeral e específica no sector da construción" ou "Certificados de profesionalidade, novidades lexislativas".

O obxectivo principal destas actividades é mellorar as competencias e a cualificación profesional dos participantes, ofrecéndolles ferramentas útiles para afrontar a busca de traballo. Todas elas serán impartidas por recoñecidos especialistas e contarán cunha certificación que permita aos asistentes acreditar a súa formación.
Para participar no programa, os interesados deben formalizar unha inscrición online, totalmente gratuíta a través do apartado “Formación” da web axencialocaldecolocacion.org. Máis de 500 persoas confirmaron xa a súa asistencia na oferta formativa.


Ao tempo que se desenvolve este programa, no Pazo de Congresos haberá unha zona habilitada para a presentacións de empresas. Firmas como Carrefour, C&A, Banco Etcheverría, Vegalsa, Leroy Merlin, "R" Cable e Telecomunicacións Galicia, Prosegur, Luckia, Sanitas, Everis, Actex, Teleperformance, Barti, Plexus, Grupo EQA recibirán ás persoas interesadas en coñecer a actividade das empresas e os perfís máis demandados, a través de sesións de diálogo. Para concertar asistencia a estas charlas informativas precísase inscrición previa en axencialocaldecolocacion.org. A día de hoxe hai inscritos máis de 400 participantes.

Por último, durante as dúas xornadas levaranse a cabo diversas sesións concertadas de selección de candidatos/as para postos de traballo que se ofertaron a través da Axencia Local de Colocación entre o 25 de outubro e o 25 de novembro.


O acceso ao Foro da Intermediación e o Emprego é libre e gratuíto para todas as persoas interesadas. Os asistentes contarán cunha zona de stands informativos, asesoramento e orientación laboral, con presenza destacada dos servizos da Axencia Local de Colocación, que na actualidade interactúa con máis de 20.000 persoas, e das Entidades asinantes do Pacto polo Emprego.

Ademais, o dentro do FIE hai habilitada unha sala de ordenadores para a activación de usuarios na Axencia Local de Colocación, así como unha zona multimedia para a entrega de currículos en formato dixital, atendida por persoal especializado e equipada con terminais de acceso exclusivo a plataformas online de empresas, onde os participantes poderán inscribirse en ofertas de emprego específicas.