O alumnado do programa PERSOA V colabora con Aulas da Terceira Idade na realización de actividades de animación

Onte, día 13 de marzo, varias alumnas e alumnos do Curso Especialista en dinamización xerontolóxica en entidades do terceiro sector do Programa Persoa V que desenvolve a Concellería de Promoción Económica, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, realizaron diversas actividades de animación orientadas ao contacto e intercambio inter-xeneracional con motivo dunha convocatoria celebrada no claustro do Convento de Santo Agostiño, edificio que acolle diversas institucións e iniciativas.

En colaboración coa entidade Aulas da Terceira Idade o alumnado do programa PERSOA V articulou unha dinámica, lúdica e participativa, para o encontro de nenos e maiores, en tres eixes: un de xogos de habilidade e coordinación con pelotas; outro de manualidades e expresión, e un derradeiro de cultura e imaxinación.

O resultado da experiencia foi altamente positivo e reportou unha nova ocasión para evidenciar a importancia de actividades sociais e de tempo libre que supoñan para as persoas maiores oportunidades de exercicio físico e mental, socialización etc. e, por tanto, da existencia de profesionais capaces de deseñalas e levalas a termo; xustamente o obxectivo desta iniciativa formativa municipal que se dirixe a titulados de especialidades como Psicoloxía, Pedagoxía, Traballo Social ou Educación Social.

 

O programa PERSOA V e unha acción desenrolada polo Departamento de emprego do Concello de Santiago de Compostela e  pertencente ao proxecto Pacto Polo Emprego Santiago subvencionado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo “Adaptabilidade e Emprego” a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

 


IMG_2829.JPG (1.82 Mb)

IMG_2854.JPG (634.35 Kb)