O CONCELLO INICIA A FORMACIÓN DE 30 PERSOAS COMO ESPECIALISTAS EN DINAMIZACIÓN XERONTOLÓXICA E EN TRANSPORTE ADAPTADO

O Departamento de Emprego pon en marcha a formación correspondente ás especialidades formativas de: Dinamización xerontolóxica en asociacións e entidades de maiores e do terceiro sector, e de Condutor/a especializado en transporte adaptado de persoas maiores e dependentes servizos de coidados a persoas dependentes no domicilio e institucións. A concelleira de Emprego, Reyes Leis, visitou no edificio Cersia estas dúas accións, que forman parte do itinerario de inserción de 30 persoas no marco do programa Persoa V.

As persoas participantes na especialidade de especialistas en dinamización xerontolóxica en asociacións e entidades de maiores e do terceiro sector recibirán formación no ámbito da xerontoloxía e da intervención con persoas dependentes ou en situación de fraxilidade pola súa situación física, psíquica ou de apoios sociais. O curso terá unha duración de 560 horas, das que 310 serán de formación teórico-práctica e 250 de prácticas en empresas e entidades do 3º Sector.

Os alumnos e alumnas da especialidade de transporte adaptado formaranse en técnicas de soporte vital básico, mobilización e traslado de persoas e na condución e mantemento de vehículos para o transporte adaptado. O curso terá unha duración de 460 horas, das que 310 serán de formación teórico-práctica e 150 de prácticas en empresas e entidades de maiores.

O proxecto contempla tamén un período de tres meses de acompañamento á inserción laboral, que incluirá actividades de orientación e intermediación laboral.

O Proxecto Persoa V esta cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Con estas dúas actuacións, xa ten beneficiado a 75 persoas demandantes de emprego.