O FORO DA INTERMEDIACIÓN E O EMPREGO PECHOU AS SÚAS PORTAS COA PARTICIPACIÓN DE MÁIS DE 3.000 PERSOAS

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2013. 

Máis de 3000 persoas participaron nas dúas xornadas do Foro da Intermediación e o Emprego, unha iniciativa da Concellería de Economía e Emprego de Santiago que pechou hoxe as súas portas no Pazo de Congresos e Exposicións tras acoller a celebración de máis de 35 actividades de formación laboral e 110 sesións de encontros con empresas.

O edil compostelán, Ángel Currás, acompañado por Reyes Leis, concelleira de Economía e Emprego, asistiron este mediodía á clausura deste Foro, no que tamén se deron a coñecer as actividades da Axencia Local de Colocación así como das entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego.

Cursos, obradoiros prácticos, seminarios e relatorios integraron un programa formativo que permitiu aos participantes obter unha certificación que lles suporá unha mellora nos seus currículos. A Concellaría de Economía e Emprego tiña como obxectivo desta iniciativa mellorar as posibilidades de inserción dos cidadáns de Santiago e, neste sentido, a oferta de formación foi acollida de forma moi positiva. “Nos tempos que vivimos, todo o que axude a atopar un traballo é sempre benvido. E máis aínda se é de balde” afirmaba un asistente tras participar nun dos obradoiros gratuítos celebrados durante as dúas xornadas. “Eu fixen un curso que había tempo que tiña ganas de facer, así que levo moi boa impresión do Foro. Espero que se repita outros anos” explicou outro dos participantes.

“Como está claro que ter unha carreira universitaria xa non é suficiente para acceder ao mercado laboral, viñemos participar en varios obradoiros relacionados coa nosa formación e de paso a informarnos sobre autoemprego” comentaban un grupo de mozos recentemente licenciados, que se achegaron aos stands da Axencia Local de Colocación e as entidades do Pacto Local polo Emprego, nos que se desenvolveu unha intensa actividade de información e asesoramento. Segundo un destes rapaces, “Ás veces sénteste algo perdido, sen saber exactamente os pasos que tes que seguir para buscar traballo, entón este tipo de foros veñen moi ben para velo todo un pouco máis claro”. “Veño informarme sobre todo o relacionado cos autónomos” explicou outra das persoas que se achegaron a estes stands.

Entre as máis de 50 empresas que participaron no FIE, 16 delas ofreceron ao longo do xoves e o venres diversas sesións de encontros con todos aqueles interesados en coñecer as súas actividades e políticas de selección de persoal. Máis de 1500 persoas tiveron a oportunidade de charlar cos responsables destas empresas e entregarlles os seus currículos. “Pareceume moi útil que no mesmo sitio houbera a posibilidade de asistir a cursos con diploma e charlar despois con responsables de empresas, que che expliquen o que de verdade lles interesa nun futuro traballador”.

“Eu vin ata aquí polo servizo de orientación laboral que anunciaban. Ademais aproveitei para dixitalizar o meu currículo”, explicou unha das usuarias da Zona Multimedia que se habilitou no hall principal do Pazo de Congresos para facilitar a activación de usuarios na Axencia Local de Colocación, que actualmente presta servizos de intermediación laboral a preto de 20.000 persoas.