O Foro de Intermediación e Emprego inclúe unhas xornadas técnicas sobre inserción laboral e recrutamento 2.0

A versión online da busca de emprego e o coñecemento do mercado laboral 2.0 é o tema central destas xornadas gratuítas. Os interesados en participar nas actividades deben inscribirse previamente na web da Axencia Local de Colocación de Santiago.

"Xornadas técnicas no marco do Pacto Local polo Emprego sobre inserción laboral e recrutamento 2.0" é o título do programa formativo que se desenvolverá os días 24 e 25 de abril durante o Foro de Intermediación e Emprego FIE. Ao longo destes dous días, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá unhas xornadas centradas de xeito específico na versión online da busca de emprego e no mercado laboral 2.0.

O programa inclúe varios relatorios, así como un debate-coloquio, impartidos por destacados bloggers e expertos na materia. Óscar Del Santo, un dos especialistas en comunicación e mercadotecnia online máis recoñecidos de España; Andrés Pérez Ortega, formador e experto en Programas de Estratexia Persoal; Verónica Ramallal, Community Manager, especializada en Mercadotecnia Online e Formadora en Redes Sociais; e Ximo Salas, Consultor e Formador en RRHH 2.0 e Social Media, son só algúns dos cualificados profesionais que impartirán estes relatorios. 'A primeira entrevista dun proceso de selección está nas redes sociais', 'De Twitter ao ceo: uso estratéxico de Twitter para o emprego', ‘Como destacar sobre a multitude: A Marca Persoal’ ou 'Mercado laboral 2.0: O punto de vista do recrutador', entre outros, compoñen esta novidosa oferta formativa do FIE 2014, xunto a numerosos cursos e obradoiros prácticos que se levarán a cabo de forma paralela no Pazo de Congresos compostelán.

A inscrición, como en edicións anteriores do Foro de Intermediación e Emprego, é totalmente gratuíta, e os interesados en participar en algún destes relatorios deberán anotarse na web da Axencia Local de Colocación, http://axencialocaldecolocacion.org/.

A Axencia Local de Colocación é un servizo dependente da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, que ten a misión de apoiar a dinamización do mercado de traballo local a través da promoción de oportunidades e capacidades para a inserción de desempregados e a intermediación laboral. Ao longo de todo o ano desenvolve programas de apoio ao emprego e presta servizos de colocación, orientación laboral, axuda á busca de emprego, recrutamento, selección e formación para o emprego.