O Pacto Local polo Emprego destina 240.000 euros a diversas accións para promover a xeración de postos de traballo

O Pacto Local polo Emprego de Santiago 2012-2013 (cofinanciado polo Fondo Social Europeo) foi asinado nun acto celebrado en Raxoi e presido pola concelleira de Benestar Social e Emprego, Paula Prado. O programa, do que tamén participan axentes sindicais, empresariais e sociais da cidade, destina 240.000 euros a unha serie de accións destinadas á creación de emprego.

A concelleira de Emprego felicitouse pola sinatura deste Pacto, que "demostra que hai concertación social" na cidade. Neste sentido, lembrou tamén que as accións comprendidas no Plan foron propostas polos colectivos implicados, confiando en que "axuden a atopar emprego aos cidadáns de Santiago". Contémplanse accións en materias como as certificacións de cualificación profesional no ámbito da hostalería e o turismo; busca de emprego por Internet ou autoemprego, entre outras.

Paula Prado agradeceu a todos os axentes asinantes do Pacto Local polo Emprego a súa "colaboración e emprego por xerar emprego". O Plan ten unha dotación económica de 240.000 euros.

Tamén interveu o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, quen insistiu na necesidade de "volcarnos todos na creación de emprego". Referíndose á situación concreta do Polígono do Tambre, valorou que non se estea producindo peche de empresas, malia que algunhas si realizaron regularizacións de emprego.

Nesta necesidade de "aunar esforzos" coincidiu tamén o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey. En particular, referiuse á importancia nestes intres do emprendemento. Así, indicou que o Viveiro de empresas da cámara, a pesar da situación económica, está dando entrada todos os meses a empresas de nova creación.

Pola súa parte, Concepción Trasande, de Comisións Obreiras, expresou a súa confianza en que as accións do Pacto "dean froitos" na creación de "empregos de calidade".

Ademais dos devanditos representantes de Concello, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Cámara de Comercio e Comisións Obreiras, tamén asinaron o Pacto representantes dos outros axentes participantes: Asociación de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, Unión Xeral de Traballadores e Asociación Plataforma polo Emprego.