Presentase o Foro da Intermediación Laboral e o Emprego que dará a coñecer as oportunidades laborais e os servizos prestados pola Axencia Local de Colocación

Os días 28 e 29 de novembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá a celebración do Foro de Intermediación e o Emprego (FIE).

Así o anunciou en rolda de prensa a concelleira de Economía, Emprego, Comercio e Turismo, Reyes Leis, quen destacou que se trata dun "instrumento para dinamizar a economía local", e que se pon en marcha "co propósito de dar a coñecer as oportunidades de emprego, os requisitos e competencias que demanda o mercado laboral".

Outro dos grandes obxectivos desta iniciativa, segundo indicou a concelleira, é o de "facilitar información sobre o servizo que presta a Axencia Local de Colocación, na que, ao longo de todo o ano, se xestionan ofertas de emprego e oportunidades de capacitación para a mellora das posibilidades de inserción dos cidadáns do municipio de Santiago".

Unha das grandes diferenzas que presenta este evento con respecto a iniciativas similares organizadas en anos anteriores, é que establece como criterio esencial para a definición de programa e actividades que todas elas poidan ser valoradas de maneira persoal por cada participante, de xeito que permitan acreditar a súa realización e poidan significar unha mellora nos seus currículos. Por este motivo -subliñou Reyes Leis- daráselle prioridade á realización de actividades que poidan ser certificadas.

Reyes Leis durante a presentación

Foro de encontro 
Entre as novidades fundamentais deste Foro de Intermediación e Emprego está tamén o feito de que se substitúe o formato de feira de exposición, con stands convencionais onde as empresas recibían currículos, polo de foro de encontro, onde as empresas recibirán as persoas interesadas en coñecer os seus procesos e previsións de captación de persoal, a través de sesións de diálogo, en espazos habilitados como "illas", nos que as empresas informarán ás persoas que previamente solicitaran este encontro.

A Axencia Local de Colocación e as entidades do Pacto Local polo Emprego de Santiago disporán neste Foro dunha ampla zona de exposición. Nela facilitarase información sobre os diferentes servizos e actividades desenvolvidas por cada entidade.

No Foro da Intermediación e o Emprego estímase a participación de preto de 60 empresas de sectores diversos: servizos, comercio, banca, industrial... Igualmente, esperase que visiten o evento máis de 4.000 persoas.

As persoas asistentes poderán participar en cursos e obradoiros acreditados e asistir a presentacións de empresas, conferencias e sesións de orientación. Ademais, terán a posibilidade de enviar os seus currículos a ofertas concretas de máis de 20 empresas, así como de formalizar a súa inscrición en programas e actividades próximas, organizadas polas entidades do Pacto Local polo Emprego.

Todas as actuacións relativas a este Foro de Intermediación e Emprego están sendo xa coordinadas dende a Área de Emprego, no Edificio Cersia, sede da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo, dende o pasado 25 de outubro e ata o 27 de novembro, véspera da celebración do evento.

Esta acción formativa desenvólvese no marco do Pacto Local polo Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).